12 novembro 2017

▬ East or West, Home is Best

logo do proxecto
O proxecto eTwinning East or West, Home is Best, foi desenvolto no CPI Tino Grandío xunto cos seus centros socios en Lituania, Polonia e Ukraíña para traballar similitudes e diferenzas entre as localidades e países socios e mesmo con outros países do mundo.

O alumnado participante do centro galego pertencía ás seccións bilingües de xeografía e historia en lingua inglesa de 3º e 4º de ESO co cal os contidos traballados estaban incluídos no currículo, ben da materia de xeografía e historia, ben na de inglés.

Buscouse a comunicación entre todo o alumnado, especialmente a través do chat porque non foi posible tecnicamente a comunicación por videoconferencia.

O traballo desenvolveuse por medio de equipos internacionais, coordinados cada un por unha das catro profesoras participantes e centrados en diferentes aspectos culturais:
  • Grupo 1: Strange foods (comidas estrañas), realizou unha presentación sobre comidas curiosas e situou as máis chamativas nun mapa de Google Maps.
  • Grupo 2: My future avatar (o meu avatar futuro) centrouse en como será a vida no futuro, cunha presentación colaborativa sobre a cidade futura ideal e Vokis nos que o alumnado se vía no ano 2050.
  • Grupo 3: The place I love and treasure (o lugar que amo e estimo), cunha presentación, e puzles en Jigsawplanet sobre os seus lugares ideais. Tamén se realizou un vídeo pero esta actividade tivo certos problemas.
  • Grupo 4: Amusements in my own town or neighbourhood (diversión na miña vila ou barrio), no que se elaborou unha presentación, postais sobre diferentes lugares e un vídeo final con todo o material do grupo.
Finalmente todos os grupos expuxeron o seu traballo, houbo varias sesións avaliativas por chat e compartiuse o material realizado a través da revista do centro escolar e da  páxina web dos respectivos centros escolares.