▬ Des deux côtés de l’Atlantique (artigo completo)




O proxecto "Des deux côtés de l’Atlantique - A los dos lados del Atlántico", no que participaron o CPI de Mondariz coa profesora Mercedes Noya e o Lycée Rivière des Pères, Basse Terre, Francia, coa profesora  Mariana Chabrier despois de ter acadado o Selo de Calidade Nacional en España e Francia é un dos proxectos galegos distinguidos co Selo de Calidade Europeo. 

Este proxecto consistiu nun intercambio entre os dous grupos de alumnos para dar a coñecer o seu grupo, centro escolar, rexión/cidade, hábitos diarios, tempo libre, festas e costumes, etc. Este é o blog do proxecto.



A profesora Mercedes Noya fálanos sobre a súa experiencia:


Nas Xornadas Pedagóxicas da APFG escoitei falar por primeira vez do eTwinning e decidín darme de alta. Buscando soci@s a través da plataforma, vin a mensaxe de Mariana Chabrier, o seu centro estaba na Guadéloupe, e eu, en Mondariz. Os contrastes eran tan evidentes!

Comezamos a falar e decidimos iniciar un proxecto, o título describía perfectamente a noso punto de partida. Durante dous anos estivemos traballando a través do TwinSpace temas do noso día a día. O contraste na nosa forma de vida era moi evidente, é os dous grupos estaban moi ilusionados por aprender cousas sobre eles e por mostrarlles o seu mundo. A nivel profesional, creo que a motivación que lles deu ós dous grupos o proxecto foi ó mellor de toda a experiencia durante o tempo do intercambio virtual.

E entón unha agradábel sorpresa, dada a distancia que nos separa e o custo da viaxe, un intercambio “real”. A finais do mes de febreiro, o grupo de franceses viaxou a Mondariz. Durante catro días fixemos xuntos todo tipo de actividades, excursións, escribimos artígos, xogamos para coñecer palabras en galego e  en créole, os alumnos franceses fixeron un ensaio do bac oral en español, sendo os seus correspondentes os examinadores, etc.

Destacar a actividade de danza que fixemos no Castelo de Vilasobroso, onde presentamos diferentes tipos de danzas e bailamos xuntos. Esta actividade foi un punto de encontro marabilloso,  a música serviu para romper o xeo, o feito de bailar, ter que tocarse, as risas, os traxes, foi un comezo dunha relación entre eles que aínda hoxe segue existindo a través do Facebook.

A verdade foi unha experiencia xenial, traballamos moito, todos, profes e alumn@s, pero o recordo e a amizade que obtivemos a través do Atlántico é unha experiencia inesquecible.